Sunday 28 de April de 2024

A Xunta salienta que a colaboración cos concellos a través das diferentes axudas autonómicas contribúe a mellorar a calidade de vida dos veciños



Alfonso Rueda realizou hoxe unha visita ao concello de Melide, onde puido comprobar as actuacións levadas a cabo grazas a axudas da Xunta de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da colaboración entre Xunta e concellos, e puxo en valor as diferentes ordes de axudas autonómicas, que fan realidade actuacións beneficiosas para os municipios, pero sobre todo para os cidadáns.

Alfonso Rueda realizou hoxe unha visita ao concello de Melide, onde puido comprobar, xunto coa alcaldesa Dalia García Couso, as actuacións levadas a cabo grazas a axudas da Xunta de Galicia.

É o caso do Parque Infantil de Rosalía de Castro, ou a nova cuberta do polideportivo municipal, financiada a través da Orde de Infraestruturas. Neste sentido o vicepresidente recordou que con esta orde de axudas a Xunta de Galicia apoia o financiamento de infraestruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se presten servizos administrativos. “Pequenos investimentos, non obras faraónicas, pero que teñen reflexo directo no día a día dos cidadáns e contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida”, indicou.

Rueda tamén salientou o Fondo de Compensación Ambiental, que propiciou a posta en marcha dun programa de eficiencia e mellora enerxética e que tamén financia o funcionamento do Grupo de Vixilancia Ambiental que ten posto en marcha o concello en colaboración co de Palas de Rei.

Segundo explicou o vicepresidente, un dos eixos fundamentais do Fondo de Compensación Ambiental, ademais de favorecer ás arcas municipais e ao medio ambiente, é o reequilibrio territorial, xa que os concellos pequenos e do interior son tamén os que máis se benefician desta axuda.

Unhas axudas nas que se prioriza a aqueles concellos que optan por concorrer conxuntamente, apostando así pola prestación compartida de servizos.

Máis de 16 millóns para este ano
A Xunta de Galicia ten aprobadas as ordes de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) e de Infraestruturas de uso público, ambas destinadas ás entidades locais de Galicia para o este ano. A asignación inicial das dúas ordes supera os 16 millóns de euros.

Por unha banda, o Fondo de Compensación Ambiental conta con 11 millóns dos cales 8.085.174 euros, destínanse para as liñas competitiva e non competitiva, e 2.914.816 euros destínanse para outras actuacións específicas de protección do medio ambiente (GES e actuacións da Dirección Xeral de Emerxencias).

Para a Orde de Infraestruturas, por outra banda, destínanse 5,3 millóns para Infraestruturas, o que supón un importante respaldo para os pequenos concellos, xa que beneficia aos de menos de 30.000 habitantes.

Son axudas xudas destinadas concretamente á creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos, vinculados á prestación de servizos municipais.